12.9.16

REUNIFICACIÓN

Todos os blogs de galego dos distintos niveis confluirán a partir deste momento nun único blog para axilizar máis a procura de información.
O enlace a ese novo blog é o seguinte:
http://www.flickr.com/photos/35854465@N00/10365828245

13.12.15

Un traballo ben feito

A variedade de traballos sobre a publicidade sexista foi bastante grande (tanto no que se refire a formatos como a contidos) e houbo algún realmente interesantes. Sirva como exemplo este que é obra de Alba Marzoa (alumna de 3ºESO).

23.11.15

Sexismo

Agora que se achega o día contra a violencia de xénero imos traballar outro aspecto relacionado con isto: os anuncios sexistas.

 Cando un anuncio é sexista?
  • O corpo como elemento para captar  atención.
  • Faise analoxía entre persoa e obxecto.
  • O corpo está desvinculado do produto.
  • Reproduce estereotipos limitantes.
  • Fomenta a violencia.
Buscade exemplos de cada un destes tipos para elaborar un traballo conxunto.

13.10.15

Un novo proxecto

Este ano novamente imos colaborar coa profesora de Plástica, Ana Sogo, no Proxecto Terra. Como saberedes consiste en observar e analizar a arquitectura popular galega para entender mellor a nosa forma de ser.
 
Evidentemente a lingua e a literatura tamén están na nosa forma de ser así que imos conxugar dúas artes (Arquitectura e Literatura) para elaborar un traballo de investigación en equipo sobre este aspecto.
En concreto imos unir este proxecto a outro que xa iniciamos e sobre o que xirará gran parte do traballo deste curso: Manuel María, o autor que será homenaxeado co Día das Letras Galegas 2016.
A tarefa consistirá en localizar todos aqueles poemas ou textos narrativos do autor que fagan referencia a construcións tradicionais galegas ou á paisaxe.

Aquí tedes un exemplo:

A casa

Amo a antiga casa petrucial, asentada
en xisto, no mesmo corazón da tribo,
erguida polos avós esforzo a esforzo,
con laxe e cantaría, a catro augas,
remates no lousado, a súa bufarda,
con curral, eira e horta ben muradas,
co seu forno, pozo, alboios e palleira,
o cedro que trouxo o avó de Pontedeume
e a nogueira que plantou a miña mai.
(fragmento)


4.10.15

Aproveitando o tempo

Como esta foi una semana diferente (algún compañeiros estaban de viaxe na Rioxa), aproveitamos para facer outro tipo de traballos que normalmente non nos dá tempo a levar a cabo.

Traballamos cos topónimos (do substrato indoeuropeo e do superestrato xermano) e cos antropónimos (a orixe dos antropónimos da clase), ambos motivos forman parte da materia do tema que estamos tratando na clase.
 
Pero tamén tivemos tempo para achegarnos ao autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2016: Manuel María.
Aquí tedes un exemplo do traballo dun compañeiro:
 


 

24.9.15

PARTINDO DA NOTICIA Á POESÍA

Comezamos un novo curso e para retomar contacto pregunteivos que noticia fóra a que máis vos chamara a atención durante os meses de verán. A maioría falou do tráxico accidente ocorrido no Rali da Coruña ao paso polo concello de Carral o pasado 6 de setembro.

Non sei se foi pola proximidade temporal (o curso comezámolo o 15 e só pasaran uns días dende o desastre), ou pola proximidade xeográfica (Carral está relativamente próxima a Cerceda) ou pola implicación propia (parte do alumnado asistía ao acontecemento deportivo, o copiloto é un exalumno do CPI O Cruce...) o caso foi que esta noticia desbancou outras de máis calado internacional (como a crise dos refuxiados sirios, a fin do embargo a Cuba) ou mesmo nacional (a tractorada polas rúas de Santiago en demanda dun prezo xusto polo leite, os incendios forestais, a demanda de independencia catalá...).
 
Imos pois tomala como pretexto para achegarnos á poesía, unha poesía distinta, da man de Carlos Negro e o seu libro Makinaria. Vaia este poema como toma de contacto:
 
domingo pola tarde
estrada sen retorno
medo incandescente
un motor potente
vámonos agora
fuxir a mil por hora
excitación
pillar o subidón
soltar adrenalida
mamar a gasolina
flipe total
salvaxe e animal
domingo pola tarde
aceleración
 
Que vos parece? Ten algo que ver?

5.2.15

E TI QUE QUERES?

Agora que estamos vendo os prexuízos contra o galego...
Agora que sabemos os resultados das enquisas do uso do galego...
Non te quedes parado
Demostra que ti si sabes o que é teu

 
QUE NON CHE SAQUEN A LINGUA!!